31/3/10

Uxío Novoneyra e Os eidos


Rincha o cabalo rinchón
peta o piquelo no encino
resga o gaio unha canción
e guíndaa dindes do ar
e vai voando sin tino
buscando outra noutro brelo
que ha de ter o mesmo sino.

Enche o cuco o val co seu cantar.


U.Novoneyra

30/3/10

A praia dos afogados

A praia dos afogados foi o libro que comentamos a semana pasada na nosa tertulia de A Cova Céltica. Luís Domínguez, médico de profesión, foi a persoa invitada nesta ocasión para comentarnos a obra de Domingo Villar. Entre o público estaban alumnos e alumnas de bacharelato e 4º da ESO, ademais contamos coa presencia da nosa directora. A tertulia foi moi entretida e os alumnos tamén tiñan curiosidade por saber cousas da profesión de médico. O doctor Domínguez respondeu con moita amabilidade e claridade a todas as preguntas formuladas e ademais aproveitou para falar da súa vocación de médico e insistiu moito na importancia de ler, novelas, ensaio... Posteriormente e como xa vén sendo habitual nos nosos clubes sorteamos entradas de cine entre os asistentes. Ao remate da sesión Luís Domínguez asinou no libro das visitas, deixándonos unha fermosa dedicatoria dirixida a todos os alumnos e alumnas do centro.

24/3/10

Ana Pillado e O día da muller






Ana Pillado participou o pasado día 9 de marzo nun clube de lectura que organizamos para conmemorar o día da muller. Ana presentou tres libros de tres escritoras diferentes:

As chaves do tempo da nosa benquerida Luísa Villalta, A xeira das árbores de Teresa Moure e Un cuarto de seu de Virxinia Woolf, libro este último do que dixo que exercera sobre ela unha grande influencia na súa etapa de adolescencia, marcándolle un camiño cara o feminismo.

Ademais agasallounos cun libro seu Fábula Mater (poema en 12 actos) composto por poesía e ilustracións que ela mesma fai. O libro foi dedicado para as "rapazas e rapaces" do IES.

Ana Pillado é profesora e ademais escribe, debuxa, e fai ilustracións como as capas do libro que reproducimos aquí